Sunday 12 de May de 2024

Vicente Allo gaña o primeiro Memorial Fernando Abad de ciclismo, no que participaron 77 ciclistas


O Concello de Oroso e o Club Ciclista Tambre Bike homenaxearon á familia do presidente e fundador do club orosán, falecido en 2015

Un total de 77 ciclistas tomaron parte no I Memorial Fernando Abad, carreira ciclista organizada polo club Tambre Bike e polo Concello de Oroso para homenaxear ao presidente e fundador do club orosán, tristemente falecido en 2015. Unha homenaxe que incluíu a entrega de sendas placas conmemorativas ao pai e nai de Fernando Abad, Fernando Abad e Esther Roca, que tamén cortaron a cinta de inicio da carreira.

O presidente do Tambre Bike, Amancio Espiñeira, agradeceu tanto a participación como a colaboración nunha proba que “leva o nome de Fernando Abad, que hai escasos meses nos deixou dunha forma cruel e inxusta. Esta proba levará o seu nome de aquí en adiante, polo que nos aportou como deportista e como persoas”. Espiñeira explicoulles aos pais do seu predecesor que “na lembranza e no tempo, Fernando sempre estará con nós”.

Desenvolvemento da proba

As continuas choivas e as baixas temperaturas fixeron incluso temer polo desenvolvemento dunha proba na que se terminou impoñendo Vicente Allo, do Código Atlántico Club Ciclista, quen entrou en solitario na meta tras aproveitar unha pequena escapada feita a dúas voltas de rematar a proba. Completaron o podio xeral da proba, todos eles da categoría Master M-40, Gonzalo Aguiar, da Asociación Galega de Ciclistas; e Francisco Iglesias, do Supermercados Froiz.

Os premios foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, quen estiveron acompañados polos concelleiros de Deportes, Luís Rey; Turismo, Vanesa Boo; Seguridade Viaria, Antonio Leira; Ensino, Beatriz Rodeiro; Obras e Servizos, Eduardo Veiras; e Muller, Maria del Carmen Liste.

Emilio de la Campa, de Máster Morrazo Club Ciclista e que chegou quinto na xeral, venceu na categoría M-30, seguido por Rubén Fernández, do Norinver Cycling Team; e Iván Raña, que participou a título individual para homenaxear ao seu amigo Fernando Abad “porque a mellor homenaxe que lle podemos facer é pedaleando e facendo o que máis lle gustaba”, declarou o triatleta ordense antes de iniciarse a proba. Completaron a quenda de premiados o brigantino Javier de la Fuente, do Betanzos Club Ciclista, gañador na categoría M-50. Completaron o poido Gonzalo Aguiar e Manuel Prieto, ciclistas do Norinver Cycling.

O I Memorial Fernando Abad, avaliado pola Federación Galega de Ciclismo, tivo un percorrido de 64,8 quilómetros consistentes en dar 12 voltas a un circuito sobre asfalto, con saída e chegada na rúa da Cultura de Sigüeiro. O evento contou coa colaboración de Restaurante Cristof, Eulogio Viñal, Bar Tapas, Sigüeiro Hotel, Restaurante Mariñaos, Anova Maquinaria, Ekaté, Mi Vestidor Azul, Café Bar Tordoia, Muebles Rivera, Talleres Viss Sport, Concello de Oroso, Ambore Café Bar, Ferdonor, Centro Deportivo Sigüeiro, Decoraciones Rodríguez, Xestisegur, Frutería A Nosa Horta, Forestal Rial, Bicicletas Oliveira, Deportes Equípate, Grupo Caeiro Automóviles, Autos Grabanxa e Rotulaciones JA Veiga.